[ Arquivo ]
[ Buscador ]
Data: Venres 17 de Xullo de 1998
O outro día, no Faro, lín un artigo do Ferrín onde contaba que unha noite esvaroulle a Canora baixo os pés. E que a pouco fican afogados, no Miño, el mais un amigo. A historia, tan ben escrita como sempre, fíxome lembrar doutra que fai uns anos escoitara nun bar de Goián.
Era verán, pois estabamos nas mesas de fóra. Xa a tardiña rematara. E a noite traia do río unha brisa fresquiña tentando de rebaixa-la calor dun día abafante. Preto de nós, a voz calmosa dun home xa maior, pero non vello, fixo que o barullo das conversas mudaran imperceptibles cara ó silencio atento. Prendidos todos nós das súas palabras, absortos todos nós no conto que expricaba...
...A xente cre que as illas do río van suxeitas ao chan –dicía–. Que son montes de terra que a auga non foi quen de asulagar. Todos os que viven do río saben que non che é certo. Tanto os que andan ó meixón ou á lamprea , os que lle sacan algún carto facendo o matute, os que lle deu por enamoriscar en Portugal e mesmo os gardas e os mariñeiros de Forcadela , que o seu traballo é que os outros non fagan tranquilos o seu. Pois todos eles saben –pausa–. Que nas noites de invernía cando o bafo húmido do río é unha neboa mesta, tan branca que parece, cando te cubre, que estás a nadar nun rego de leite. Nesas noites. As illas. Paseanse polo río. Móvense de sitio. E visítanse unhas ás outras. As pequenas, coma son máis novas, están áxiles e pódense desprazar con máis facilidade, así que aproveitan para ver as coñecidas máis alonxadas.
O caso máis pintureiro é a illa que está fronte a casa de don Jaime. Contoume un, que lle chaman Mariño, que lle ten confianza pois a coñece dende neno e xa ten os seus anos, que ao demo da illa se lle metera na cabeza (é un dicir, non sei se as illas teñen cabeza) –aclarou– a lideira de ver a ponte de ferro de Tui. Que é imposible que podan pasar coches e trens ao tempo –rosmou a illa– como teño ouvido. Unha semán de febreiro levantouse unha néboa, guarnición de nata nun rosbif no restaurant da Pamplinas. Imposíbel distinguir a carne, o peixe, o vexetal ou o animal baixo dela. Nesa noite, a illa calculou que a néboa ía para rato , así que coa axuda da corrente do río que son os pés e mais as mans das illas, outros non teñen. Marchou cara Tui. A aventura foi boa, pero non é doado contarlla agora, que un conto longo faise aburrido. A cuestión foi que aos tres días chegou ao carón da ponte, e quedou abraiada. Non se vía nada. Unhas pequenas luces a penas. Como ringleira de santa compaña que cambiara candil por mistos . E bucinas, moitas bucinas e ruído de motores , pero estes oíanse, non se miraban. As que botou a illa ninguén as oíu. Pero aseghún me dixo Mariño. Deberon de ser subastao no Punto, ás cinco da mañá perdendo Manolo nun sábado que tamén perdera o Real Madrid.
Así que a illa volveu para o seu sitio encabuxada e aínda para máis, como demorou tanto tivo que andar a dar explicacións os amigos preocupados. Anque despois todos calaron.
¿E como se sabe que se moven, se ninguén as mira pola néboa? Preguntou un, por curiosidade, non por maldade.
–Amigho –respostoulle–, a xente do río mira na néboa, como ti ves no corredor da túa casa cando te levantas a mexar, de noite, e non queres que acorde a parienta. Miran porque o río é como o corredor da súa casa. No río pasan máis noites que nel. Tamén porque a nosa vista como o corpo faise ó costume. E se non se fala moito desto é porque teñen medo que lles tomen por tolos. O que lles digan que se lles fora a man coas herbas. Somentes se fala nisto cando está entre miñoteiros. Entre os que saben que o río é coma a familia, e os seus segredos non deben chegar aos de fóra.
–¿E vostede que gosta de andar no río non veu moverse ningunha?– Volta a preguntar o interrumpidor.
Vin moverse alghunas, e as botei en falta no seu sitio a moitas. As grandes coma dixen son as que menos se moven, son pesadas e precisan moita forza para facelo . Así que dan uns pasiños e paran. Tamén, como son maiores, saben que é un xogo perigroso. Non digades que, cando as cheas, non tedes oído que desapareceran as illas. Murmurio xeral de asentimento.
Son as aventureiras que, emocionadas pola forza do río, se arriscan en viaxes perigosas. E rematan no fondo.
Pero se me preguntades se alghunha vez mirei unha illa moverse, teño que dicir que si. Cóntovos:
Unha vez , era outubro de 1975 e a policía de Franco perseguía rabiosa a un grupo de dirixentes antifranquistas dos estaleiros de Vigo. Un amigo pedíume se podía pasar a un compañeiro ao Portugal democrático, xa que estaba en grave perigo. Era a noite do 28 de outubro, o can xa morrera pero a rabia seguía. O rapaz noviño, loiro e con lentes chegou na hora que marcáramos, pero á miña barca soltáranselle os cabos e andaba ao pairo no medio do río. Anguriado, era unha noite de neboeiro pero adiviñábanse preto aos pitos acesos da parella. Busquei unha solución aínda que viñera do ceo. El, á miña beira, calaba. De súpeto mirei que a illa, Punta dos Codelos, a cal é pequeniña e peluda, quero dicir chea de canas. Viña cara nós a unha boa velocidade. Axiña metinme na auga e botei a man á canivela que tiña mais preto. E suxeiteina con toda a forza. Nin un aceno fixo falta para que o rapaz se metera tamén na auga e subira enriba da illa. Amarrados ás canas e bogando con forza alonxámonos da ourela con máis présa que se levase motor. Quedamos os dous na parte portuguesa, eu á espera que alguén que pasara e me levara de volta, e o rapaz camiño da tranquilidade... A illa, mentres, se alonxaba río abaixo facendo zig-zag coma unha planadora patroneada por un bébedo ...Outra vez.
... Continuou.
Nese momento a brisa deixou de zoar coma se o río non respirara . E as verbas de aquel home tranquilo e que contaba tan ben as cousas se foron en pos doutros ouvidos.
Souben, moitísimos anos despois, da morte daquel persoeiro na illa de Cuba. Nesa illa onde os seus homes e mulleres teñen que puxar con entusiasmo todos os días para que navegue lonxe do monstro do norde que a quere engulir. O noso home estaba afeito ás pequenas illas do noso río. Pero amaba as grandes causas e máis se eran boas como el. Cecais conseguíu que a illa xigante se movera, como a Canosa, uns pasos, afastándose do inimigo. E o corazón non lle soportou a satisfacción.
Agradecementos a Phara Pereira, María Collarte, Eduardo G. Solleiro, e Andrés F. Figueroa. E non a Alfonso Cuerdo.
Roque Cameselle
Escribe o teu comentario: