Asociación Cultural Eliseo Alonso

[ Arquivo ]

Febreiro 2007

Xullo 2004

Xuño 2004

Maio 2004

Outubro 2003

Xaneiro 2003

Xuño 2002

Xaneiro 2002

Xullo 2001

Abril 2001

Xaneiro 2001

Setembro 2000

[ Buscador ]

« Anterior | Portada | Seguinte »
 

os Cabalos do Monte

Data: Venres 17 de Xullo de 1998

Ao viaxeiro atraenlle os contrastes da terra sobre todo. E o movemento, a constante acción da natureza a roturar camiños nas mentes dos homes, camiños distintos nas diferentes partes do planeta. O viaxeiro precisa tanto da auga como de novos horizontes.

O viaxeiro veu camiño de Santiago e para refrescar o seu cansancio busca terras mais calmas, onde os ríos deteñen a súa constante inercia viaxeira fecundando mares e oceanos. O viaxeiro abriu o mapa e centrou o dardo da súa mirada nas baixas terras miñotas, deslizouse coma unha barca seguindo dende Ourense os camiños mais veirados ó Miño e chegou por terras portuguesas até Camiña deixando o seu corpo coma morto a folgar nas praias quentes entre duas augas, RIO e Atlántico, querendo encher a súa mirada de horizonte mariño, mencer e solpor. O viaxeiro atópase ben así, perdido, sen atreverse aínda a dar un paso cara un novo destiño. Pero hai algo que chama inquietantemente a súa atención dende o primeiro día da súa chegada, un monte ao fronte, en Galicia, que as veces entre o nevoeiro da mañá máis parece un volcán a respirar por riba das nubes. O viaxeiro atravesa o RIO e pasea entre os poboados preromanos do Tegra. Mirando ó Miño, case adeviña a estrada que seguiu dias antes dende Ourense. Está tan alto que decide esperar o por do sol por se a casualidade lle fai descubridor doutra terra alén do atlantico. Non é así pero lle basta cas cores infinitas que vai descompoñendo o sol tras do horizonte, como unha festa. Tan enchido está o viaxeiro de ledicia que acomoda o espírito no primeiro bar que atopa ó chegar ó porto de A Guarda. Fálase forte, cecais todos sexan mariñeiros, e sigan de por vida apagando o són do mar para entenderse. O viaxeiro escoita falar de “curros” e de cabalos no monte e o viaxeiro pregunta.

– Pois ten que ir pola costa ata Oia e subir ó monte, non ten perda. Pregunte polo curro de A Valga.

O viaxeiro xa tiña escoitado de cabalos soltos por moitos lugares de Galicia, pero nunca estivo tan perto. E como lle aseguran que vaise sorprender polo encerro duns dous mil cabalos bravos, non dubida, e ó día seguinte sube ó curro de A Valga.

- Mellor será que aparque noutro lado, por aquí van pasar os cabalos.

O que non sabía o viaxeiro é que o encerro dos cabalos fora unha festa. non acertaría a contar as persoas que alí había. Contanlle que antes deínda sair o sol xa están a cercar os cabalos bravos, facendo cordóns para levalos até o curro, un cercado de pedra que ós poucos, van enchendo de cabalos inquietos. Cando un cabalo racha a liña se impón a obriga de refacer o cordón. Cabalos, éguas, potros e homes van enchendo o recinto do curro. Casique todos os espectadores levan cámara que grava na memoria do negativo instantes impoñentes. Os homes apartando os potros das éguas cun lazo na punta dunha vara ou simplemente abrazandoos con forza polo pescozo e pasando entre centos de cabalos ata entrada e saída do recinto. A rapa das bestas con tixeiras ou máquinas cortacrines. O marcado dos potros. Dous garañóns enfrentados no medio de aquel mundo de bestas... O viaxeiro asombrado, mastica o ár, saborea a festa, sabe que desde hoxe a súa memoria vai estar apresada polo recordo destes instantes e que, con certeza, vai voltar a respirar ano tras ano este resquicio de vida salvaxe polas serras altas do Baixo Miño. Ata entón pois.

A Valga, Mougás, Torroña, Morgadáns e San Cibrán, celebranse desde o segundo domingo de Maio ó cuarto domingo de xuño, pero hai outros curros chamados “da mosca”.

María A. Seisdedos


Escribe o teu comentario:
 










Lembrar estes datos?







Contidos © 2004 Asociación Cultural Eliseo Alonso · Deseño © 2004 Citania Multimedia