[ Arquivo ]
[ Buscador ]
Data: Venres 17 de Xullo de 1998
Hai unha luz de tormenta contida, de tarde espesa, rota ás veces polos raios de sol que se filtran polas ventás, entre as fendas, baixo as portas, iluminado os ecos das palabras imposibles. A mesa é de mármore, branca. Cando nós chegamos, Antonio ten garabateados debuxos de árbores con ollos. Saudámo-lo mestre ó entrarmos e despois de concretármo-lo viño, branco, deixámonos levar pola corrente mansa do Río a repescar na memoria. Fronte a min, Antonio Fernández; ós lados, Xavier Pousa e Eliseo Alonso. Poño a anda-la gravadora e calo. Case estou seguro de non ter que enfia-la reportaxe. Eliseo fala desde o seu libro Antonio Fernández. Faino Xavier desde a obra compartida ARTISTAS GALEGOS pintores (o rexionalismo I). Antonio apunta ás veces desde algunha carta ou desde o recordo de Pousa e Seíto.
Ó final dous vasos fican cheos - do resto da botella demos conta Pousa e mais eu. Podedes crer que foi unha tarda inesquecible, tanto coma a visión dun cadro do gran mestre. Quedamos co corazón un tanto doído ó baixar do Centro á praza: á esquerda un oco enorme que presaxia unha construcción absurda onde estivera a casa en que nacera Antonio; de fronte, unha praza que semella baleira, por non ter nin sequera o nome de quen doou a este pobo tanta vida. Menos mal que na memoria inmensa de Pousa permanecen as máis pequenas engurras de quen tanto lle ensinou.
Antonio Fernández: “Desde rapaz, na miña aldea amosei vocación para a pintura. Daquela todo era motivo de inspiración para o meu lapis escolar. Trazaba esbozos de retratos e cadros de gran fantasía.”
Cativo aínda, emigra ó Brasil.
Eliseo Alonso: “Antonio do tie Miguel, que acaba de cumpri-los doce anos, espera no camiño real a dilixencia que o levaría ata o porto de Vigo. Un pequeno baúl de petaca é a súa equipaxe [...] Pola recta do Poste vaise perdendo a aldea, que axita coma un pano de adeuses a torre da súa igrexa e a abadía, a fonte do Regatiño, liñas constantes que serían motivo de tantas pinturas e debuxos.”
Xavier Pousa: “Traballa de peón nas facendas dos cafetais de São Paulo [...] e de axudante de fotógrafo en São Carlos do Pinhal, onde empeza a cultiva-la súa vocación, a de ser pintor.
Encamíñase a São Paulo. Nesta grande urbe hai xa museos, galerías, academias que o rapaz percorre avidamente. Faise alumno do profesor Ernesto Papf, mediocre pintor alemán, [...], quen, pasado algún tempo, lle aconsella que se realmente quere ser pintor, ten que ir a Italia para aprender.”
E. A. : “Pese as penurias do traballo, non abandona a súa afección ó debuxo. Cóntase que nunha desas facendas de café nas que estaba empregado, certo día resolveu caricaturiza-lo seu propio patrón dándolle aspecto de verdugo. Cando este víu o debuxo, ningún dos peóns quixo descubri-lo seu autor. Pero ó acabar por descubrir que fora o ‘galego’ , en lugar de encolerizarse, quedou entusiasmado co talento do prometedor artista ata o punto de estar disposto a facer realidade o seu soño de viaxar a estudar a Italia.”
Antonio decide segui-lo consello do profesor Papf e co pouco diñeiro que tiña embarca para Italia.
E. A. : “Fernández vería museos, igrexas, pazos, incluso o museo arqueolóxico de Pompeia, a cidade sepultada polo Vesubio, sendo esta visita, segundo lle oirïamos contar, das que máis lle impresionarían. [...] Pero el chegaba a Nápoles para estudiar, estudiar avidamente e aprende-los segredos da arte.”
roma
X. P. : “Ó chega-lo outono marcha a Roma: a cidade eterna era a meca dos artistas. Alí iníciase nesa difícil aprendizaxe do oficio de ser pintor. Asiste a clases de debuxo de estatua e do natural, de nu e roupaxes na Academias de Belas Artes. Estudia a arte clásica da antigüidade, a do Renacemento, Barroco, o Manieris-mo. Confesa a súa admiración polo retrato de Inocencio X, o papa Doria, e pola pintura de Ticiano. Aprende e evoluciona rapidamente.”
As modelos da Academia de Belas Artes veraneaban en Antícoli. Os pintores desprazábanse ata alí para seguir facendo retratos. Antonio, como non tiña cartos para paga-las modelos, céntrase nas paisaxes.
E. A. : “Polas estribacións dos Apeninos vanse formando íntimos vales, bordeados de oliveiras e aciñeiras, con pastos alongados para os numerosos rabaños de ovellas e cabras e vacas tantas veces levadas ó lenzo.
[...] Os seus primeiros cadros serían un espello de Antícoli Corrado [...]. Lembramos Rincón de aldea, Na fonte, Entrada nos Apeninos, Praza da Vila, Oliveirais, Arredores de Antícoli’[...] Pinturas distantes, coa fervente poesía da vocación, fieis á dozura do seu realismo e marcadas xa con ese don da gracia que distingue e individualiza as obras dos grandes artistas.”
X. P. : “A falta de cartos forzouno a quedar [en Antícoli] no inverno. Para este fino observador, do que a vida transcorrera en Galicia e mais no Trópico, a chegada das neves tivo que ser un espectáculo, unha revelación esa variación do branco na luz e na sombra cando ó cae-la tarde o sol se retira ás montañas nevadas.
A chegada da primavera coa explosión de cor nas froiteiras en flor, amendoeiras, cerdeiras, ameixeiras, é coma un canto á vida.
[...] Descubríu un mundo onde a natureza non era estática, senón cambiante, e que era necesario observa-lo paso das horas, o cambio das estacións para interpretala con fidelidade e verdade. Constante, xa para sempre, na súa obra.”
E. A. : “Non tardarán en comeza-los apuros económicos de Antonio Fernández. Sen ningunha pensión oficial (que non recibiría en toda a vida), sen diñeiro e sen ningún tipo de axuda, aprendía, traballaba e loitaba, incluso contra a incomprensión [...]. Encóntrase sen as pequenas mensualidades que lle debían chegar de Brasil, e tivo que ficar [...] en Antícoli ata o mes de setembro de 1903.”
A. F. : “Se cadra esta circunstancia (a falta de diñeiro) contribuíu en min a desenvolver máis o gusto pola paisaxe, pois ata esa data tiña preferencia pola figura, pero non había cartos e non podía pagar modelos.
Finalmente a miña tía Francisca, unha santa muller, sabedora das necesidades en que me atopaba, vendeu a xunta de bois que tiña para a labranza e envioume os cartos que lle deron por ela.”
Xavier Pousa: “Pinta neses meses os primeiros cadros en Goián: As ruínas do Castelo, A atalaia, Casa da Torre, O mercado do domingo, A festa de Santo Antonio, e algunhas paisaxes do Miño, as primeiras que pinta en Galicia. Sería bo recuperalas como testemuños dese amor á súa terra que había de durarlle toda a vida.”
Madrid · Brasil
No ano 1904 xunta cartos vendendo algunhas leiras e cun préstamo sobre a casa que lle facilita un amigo, liquida as débedas que tiña en Antícoli e marcha a Madrid. Leva unha carta de presentación de Mariano Benlliure para se facer discípulo de Sorolla.
Eliseo Alonso: “Pensaba facerse discípulo de Sorolla, mais ó chegar a Madrid cambia de parecer. [...] temendo ser un imitador máis, apártase do ‘sorollismo’ e prefire frecuenta-lo Museo do Prado.
Tódolos días coa paleta baixo o brazo, Antonio encamíñase ó Prado. Cheira á pintura, que é o seu aroma preferido.”
X. P. : “Decide estudia-los pintores españois no Museo do Prado facendo copias dos seus cadros. Algunha puiden ver no seu estudio de Goián dunha calidade excepcional. Eran de Rivera e Velázquez.
Asiste ás clases de debuxo de nu no Círculo de Belas Artes [...].
Na España daquela a penas había mercado para a pintura, e menos para un pintor novo. Polo que decide volver a Brasil.”
E. A. : “En Santos reside a maior colonia goianesa de emigrantes en América, case tantos coma na propia vila. [...] En pleno outono brasileiro chega Antonio Pintor, entre un aroma de café e un enxame de negros cargadores, retintos coma o mesmo café, e moitos paisanos que acoden ó porto para lle da-la benvida.”
X. P. : “En Santos [...]vive nunha ‘comunidade’ con varios paisanos, pinta sen cesar nas súas praias, nos seus morros, escenas de xiringueiros, pingueiros, con profusión de negros e mulatos.
Con esta obra e a que trouxera de Goián, de Madrid e de Antícoli [...] realiza a súa primeira exposición. Era o mes de xullo de 1905. Foi o seu primeiro fracaso.”
E. A. : “Tralo seu recente contratempo en Santos, decide, nese mesmo ano, levar a Río de Xaneiro unha boa parte dos cadros. [...] A crítica de Río entrégase tamén en eloxios cara a súa exposición. Mais só vende, en cen mil reis (algo máis de cen pesetas ó cambio daquela) o estudio máis pequeno que presentaba.”
A frustación de Santos impúlsao a probar sorte en São Paulo.
“Este xove artista chegou a São Paulo sen autobombo nin propaganda, e espuxo os seus traballos coa mesma sinxeleza e sinceridade con que os fixo [...] São Paulo, onde hai finos coñecedores de pintura, non permitirá que peche a exposición de Fernández sen que o simpático artista verifique que o seu traballo pode ser apreciado [...]” (Xornal A Noticia, 21 de agosto de 1908, São Paulo).
penuria e bohemia
X. P. : “Outro fracaso: vende un só cuadro, unha galega en traxe de festa. O comprador, un galego.
Desilusionado e empeñado pasa os días sumido na penuria e na bohemia. Estivo a piques de claudicar [...] Cargado de débedas e angustias, coa determinación secreta de se perder para sempre na selva amazónica se volvía fracasar, chega a Belem do Pará, despois dunha longa navegación costeira e remontando o gran río.”
“A maior parte das teas foron adquiridas en Belem por persoas coñecedoras destas manifestacións da intelixencia e, á parte, con relación ó pintor Fernández, reveladoras dun talento refinado. [...] Docas do mercado de Santos, Guarujá, Icarahy, Pedra dos ladrões, Caminho de Antícoli [...]” (Xornal A Província do Pará, 30 de outubro de 1907.
O triunfo agora anímao a regresar a Santos.
X. P. : “Faise cun bo atelier, ten moitos encargos, realiza dúas exposicións máis con bo resultado. Pinta decoracións para o Centro Español e o Portugués ata que un facendeiro do café, D. Carlos Macedo, lle encarga a decoración dun pazo[...], e volve a Italia [pasando por París] para pinta-los paneis da devandita decoración no ano 1913.”
Antonio Fernández: “Nestes tempos, en que a confusión e anarquía artística corren parellas co caos político, chego ás veces pensar se os que, coma nós, seguen apegados ao clasicismo, se non seremos todos unha especie de antediluvianos perdidos no medio do mundo moderno. Mais (ay! que nestes últimos corenta anos vimos aparecer non sei cantos ismos e escolas novas xurdindo con furor de escándalo.) E que? Algunhas, como o futurismo de Marinetti, xa caeron no completo esquecemento, sen mercer sequera as honras dun funeral.) Que obra definitiva, qué cadro digno dun gran museo saíu ate hoxe de todas esas manifestacións? O desexo de atopar algo de renovación aproveitable en tales manifestacións levoume dúas veces a París e tan grande foi a desilusión que pasei uns cantos meses case sen pintar. Hoxe lamento o tempo perdido. Pero non é obxecto desta carta estenderme en detalles sobre a carnavalada artística dos novos tempos.” (Carta a un amigo, 16/2/48)
E. A. : “Antonio executaría, en Brasil, bastantes encargos [...]. 1914 [...] estoupa a Guerra Europea. Malia esta situación no mes de decembro de 1915 volve a Italia e refúxiase en Antícoli Corrado [...] pintando ansiosamente ata a primavera de 1919. Mais para completa-los seus estudios, aínda máis veces volvería a ese amado rincón situado na que el chamaba a gran terra de Ticiano e Tintoretto.
a sensación luminosa
“Amigo da luz, sobre todo da luz fina das montañas, conseguíu unha técnica marabillosa que derrama no que pinta para nos dar, mais que a ilusión, a sensación luminosa [...] Sabe compoñer e compón con poesía. Anima sempre a paisaxe; fai dela, con perdón da palabra, unha unidade ecolóxica. (Como circula o aire nas súas teas! (Como obtén alí os máis sutís efectos da perspectiva aérea! (Que finura de cores, que limpidez de tons!” (O Estado de São Paulo, 21 de febreiro de 1919)
“Fernández ten un valor moi superior ó de tantos artistas que nos teñen visitado, precedidos dun resoar de latas vellas, que se transforman en dobrar fúnebre, en canto, ante o público, descorren a cortina do seu malabarismo artístico”. (A Folha, 12 de febreiro de 1920)
E. A. : “Algúns destes cadros puidémolos apreciar directamente ou a través de reproduccións. Lembrámo-la espléndida Romería [...], Roquedos [...], Pastorella [...], Montes de Cervara [...], Poesía Bucólica, Fiando [...], Zampognaro, [...]
“Despois doutros quince anos de ausencia do seu lugar natal, en abril de 1920, Fernández desanda os camiños e volve a Goián para abraza-las súas amadas paisaxes. Na Praza da Igrexa organiza a festa de San Pedro con chafariz, fogueira e o lanzamento dunha globa, nos pregos de papel da cal ía, debidamente pintado por el, o santo porteiro do ceo cas súas chaves. Esta afección a construír globas festeiras manteríaa durante case toda a vida.”
X. P. : “Antonio Pintor volve a Goián. (Que diferente era todo! [...] Xa non era aquel mozo fracasado [...]. Era todo un personaxe que trataba con xente importante do Brasil, un goianés triunfador.
Eu lembro moi ben os comentarios case de lenda do seus contemporáneos, moitos anos despois dese retorno. (Todo o que organizou naquel verán que pasou na vila!
Pero a súa paixón pola arte levouno de novo a Italia, país que adoraba, coa ambición de realizar alí as súas obras mestras, como así foi [...] A volta ó curro, o Venres Santo. Á Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid manda A volta mallada e o Venres Santo ó Salón de Outono. O premio Nobel Santiago Ramón y Cajal manifesta no seu libro A vida vista ós oitenta anos a impresión que garda na lembranza da contemplación da pintura de Antonio.”
mérito sen premio
“A tea [Volta ao Aprisco] merecera os xuízos máis fervorosos en Madrid. A véspera da concesión dos premios unha persoa estreitamente vinculada ó xurado achégase a Fernández e dille: ‘Doy a usted seis mil pesetas por el cuadro. Si me lo vende, le garantizo que llevará segunda medalla. De lo contrario su cuadro no será premiado [...]’ A resposta foi unha taxante negativa e o vaticinio cúmprese. Ó día seguinte vólvese presenta-lo mesmo repartidor de premios: ‘Ya ve usted, su cuadro no fue premiado. Daba a usted seis mil pesetas por él, y aunque ahora vale menos, si se decide a venderlo, mantengo mi oferta[...]’ A cantidade non era desprezable naquelas datas, mais Antonio volve respond cadros.’”
X. P. : “Traía moitos proxectos para realizar en Goián, que sempre ocupaba lugar preferente na súa mente e no seu corazón. Puxo mans á obra e comezou pola ordenación urbanística do Regatiño [...], a construcción da Alameda e o campo de tenis e mailo campo de fútbol. A construcción da torre do reloxo na igrexa non se puido levar a termo [...], como tampouco a reconstrucción da Atalaia ou a restauración do Castelo [...].
A República
Proclámase a Segunda República e empeza a colaborar ilusionado polo cambio, como republicano que era. Visítano no seu estudio Castelao, Paz Andrade, Alonso Ríos, Otero Pedrayo. Publica artigos en El Heraldo Guardés, Nuevo Heraldo, El Agro de Tomiño, Vida Gallega, Pueblo Gallego, Blanco y Negro, e varias portadas levan pinturas del.
Desta época son os cadros Na ribeira do Miño, Touriña mamando, Afiador e paragüeiro, Almiñas, Cristo, Touriña no eido, Na feira, Horta, Castelo de Goián[...]. Segue participando na Exposición Nacional e no Salón de Outono de Madrid, a última vez en 1936. Estala o Movemento [...] A súa vida corre perigo como a de tantos amigos. Escóndese e sálvase.”
E. A. : “[...] resultáblle un lugar pouco agradable a Praza da Igrexa, ata o punto de doa-los terreos da súa casa natal para as escolas públicas ‘para que o día de mañá - oímoslle dicir máis de unha vez - non caese nas mans de aves de rapina’. No edificio levantado intentou que se acondicionase un pequeno museo, onde se depositasen as pezas arqueolóxicas atopadas en Goián, comprometéndose el a custea-las correspondentes instalacións. Este proxecto - como é natural - xamais entrou nas cacholas municipais. Tampouco permitíu - púñase incluso colérico ó lle falaren nisto - o intento de lle eirixiren unha estatua na Praza. [...] Afirmaba que o paso do tempo sería o único factor que xulgaría se a súa arte tería algún mérito. O tempo e a historia da arte xa o están a xulgar, moi favorablemente, e o pobo de Goián débelle esta estatua, en O Regatiño ou en San Roque, os seus lugares amados.”
setenta anos
X. P. : “Pasada a guerra pensa en marchar de novo a Italia. Empeza a guerra en Europa. Xa ten setenta anos e fica. Anova a súa actitividade de pintor silandeiramente. Algúns amigos covénceno e case o forzan a facer unha exposición en Vigo. E no mes de maio de 1949 colga os seus cadros, que pintara en Goián e algúns que lle quedaban de Antícoli, na rotonda do Casino de Vigo.[....] O éxito foi grande.”
A. F. : “Hai que considerar como factor principal, antes ca un elevado amor e estima pola arte, as fabulosas fortunas improvisadas en poucos anos nas negociatas non sempre limpas, que a máis tremenda e estúpida das guerras proporcionou a algúns arruinando o mundo. O novo rico, o rico improvisado e vaidoso, gañou sen sacrificios e encóntrase dono dun capital que non sabe como colocar. Ó tempo que desexa borra-lo seu pasado, merca o mellor automóbil, constrúe un pazo e procura adornalo con mobles, cadros e estatuas, e non entende nada o seu valor. Ó remata-la guerra do catorce deuse o mesmo fenómeno que hoxe se repite, e por certo que os pintores non temos razón de queixa por iso.” (Carta a un amigo despois da exposición de Vigo, 1949)
O plano de Goián
E. A. : “Tan amorosamente como a pintaba, así quería, palmo a palmo, a xeografía goianesa. No seu Plano de Goián están tódolos camiños, o río, as alturas, as casas e os monumentos. Máis onde demostraría a súa fervorosa defensa da terra natal foi no contencioso do monte Carril. [...] Con documentos, planos e moitos días a investigar arquivos, recopilou unha valiosa documentación que demostraba a súa pertenza a Goián. Pero sen a menor defensa nin oposición por parte de Tomiño, o monte levaríao O Rosal [...] Foi a obsesión da súa vida. [...] Ata 1936 continuou enviando obras ó Salón de Outono, entre elas, Alegoría da Guerra, cadro no que aparece a morte con fondo bélico de incendios e caveiras. Enviado en 1934 semella agora un presaxio da guerra que estouparía dous anos máis tarde en España e da contenda mundial, pouco despois.”
X. P. : “ Nunca un organismo público mercou algunha das súas obras. Mais el foi xeneroso doando parte da súa obra ós museos de Pontevedra, A Coruña, Lugo, Castrelos, Real Aca-demia Galega da Lingua, Real Acade-mia de Belas Artes, Concello de Tomiño, Asociación da Prensa de Vigo.
A súa derradeira exposición foi no Círculo Mercantil e Industrial de Vigo no ano 1944. O pintor xa moi vencido e acabado asistíu tódolos días. Era como unha despedida para os seus admiradores e amigos.
Foi unha sorte inmensa neste século que nos tocou vivir ter un pintor tradicional dotado de tanto talento.”
E. A. : “A morte chegou calada coma unha penumbra. Antonio Fernández morre ó anoitecer do 20 de novembro de 1970. Foi venres, á mesma hora na que o solpor se despide da luz e a paisaxe se recolle nun máxico halo de silencios. Morreu coa mesma humildade e sinxeleza coa que vivira, tan serenamente como para que non se decatasen as persoas que o arrodeabamos nos seus derradeiros momentos.”
Pancho Salmerón
Xabier Pousa: Lembranza de Antonio Pintor
Na miña infancia, ese paraíso perdido, en Goián, donde nacín e me criei, eran dous os os países que máis me atraían e enchían de fantasía a miña mente infantil.
Un era o Brasil, polos relatos que escoitaba de algúns emigrantes que contaban aventuras fantásticas da selva amazónica, de cobras xigantes, de macacos raros, de aves exóticas, de cangaceiros, macumbas, ritos e creencias increíbles, de riquezas fabulosas e miserias sin conto.
O outro era Italia, e me viña das lecturas daquel fermoso libro Corazón de Edmundo de Amicis, cos seus contos mensuales, como El tamborcillo sardo, El pequeño vigía lombardo, De los Apeninos a los Andes, El pequeño escribiente florentino, etc. Libro que foi condenado á fogueira como tantos outros polos novos mandatarios que pensaban que pensar era peligroso.
Cando tiña trece anos, Antonio pintor se convertíu en meu mestre de pintura e foi acrecentando a miña xa atracción por eses dous países, xa que antes do seu retorno definitivo a Goián fora onde transcurrira a maior parte da súa vida.
Ao longo de muitas conversas no seu estudio, nas tertulias da acera da casa da Giomar, na cantina do “Centro Goianés”, na nosa casa co meu abuelo Serafín e nas viaxes que facíamos xuntos, os seus relatos foron conformando o conocimento profundo destes dous países e o amor ó arte da antigüedade que el tan ben coñecía.
Do Imperio Romano, coa súa presencia en España; da Edade Media, con historias dos Duces, Condotieros e Príncipes; nas repúblicas de Venecia, Génova, Florencia e o Vaticano, nos tempos do Renacimento, competindo co seu mecenazgo por atraer pro seu servicio mareas de pintores, escultores, arquitectos, científicos, poetas, para maior esplendor das súas repúblicas. E sempre con Antícoli di Corrado, o seu refuxio constante, coas súas modelos, pastores e con outros pintores cos que coincidíu.
Pra Antonio, Goián foi sempre o seu gran amor, inda na ausencia, e aquí se retirou a pasar seus últimos anos, levando unha vida sencilla, convivindo cos seus paisanos. Calquer menesteroso que chegaba á súa porta non marchaba coas mans vacías, facía goblas nas festas e asistía empre a tódolos enterros, fora quen fora o difunto. E sempre ó frente de calquer iniciativa pra mellora ou a defensa dos intereses comúns do pueblo. Foi o autor do proxecto do Regatiño, cos seus campos de deportes, a fonte e a alameda, que agora escarallaron coa construcción do polideportivo. Defensor dos límites da parroquia no monte do Carril, fronte ás pretensións do Concello do Rosal, que víu frustrado por un acordo caciquil co axuntamento de Tomiño. Da reconstrucción das vellas pesqueiras pra protección da ribeira do Miño, donde tanto pintou. A súa constante preocupación pola conservación do Castillo, da Atalaia e da Casa da Torre. Na defensa dos árbores que tiña a avenida que vai do Punto á Barca, ou dos centenarios sobreiros de San Roque. Donou a casa donde nacera para a construcción dun Centro Escolar, xa que consideraba máis importante a instrucción dos rapaces que o recordo da casa donde nacera. Ese edificio penso que debía ser agora o Museo de Antonio Fernández.
E deixounos nos seus lenzos e dibuxos o mellor testiño da beleza das paisaxes de Goián, coas súas antigas casas de labranza, os camiños, cruceiros, almiñas, petos das ánimas, muíños, pombales, regueiros, carballos, que van desaparecendo pola continua agresión do mal chamado progreso.
Goián ten unha deuda inmensa con este de veciño de todos coñecido como Antonio Pintor.
Escribe o teu comentario: