[ Arquivo ]
[ Buscador ]
Data: Venres 17 de Xullo de 1998
Abrindo Portas
Os que están dentro non teñen vontade de saír. Desde fóra a entrada está á vista, pero para retroceder hai que atopa-la porta correcta do labirinto. Unha delas chámase Érguete Baixo Miño e atendeu nos últimos oito anos a 250 persoas afectadas polo consumo de drogas.
Oobxectivo de Érguete Baixo Miño é, nestes momentos, conseguir unha Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) para a comarca. Desde A Guarda, Tomiño e O Rosal desprázanse á UAD de O Porriño dezaseis xoves que seguen un programa de metadona. Só no ano 96, Érguete Baixo Miño gastou un millón catrocentas mil pesetas nas viaxes a Porriño dos pacientes e dos membros das súas familias que teñen que acompañar. Agora os Concellos da comarca subvencionan parte das viaxes, ou facilítanas, pero esa non é a solución.
A Asociación está á espera de que o Ministerio autorice a administración de metadona en pastillas nos Centros de Saúde. A comarca non recibe a atención que demanda. O presidente de Érguete Baixo Miño destaca que resulta paradóxico que malia a importancia da flota pesqueira guardesa, a unidade móbil de drogodependencias do Instituto Social da Mariña atenda O Morrazo, Baiona..., pero que nunca se teña desprazado ata A Guarda.
entrar para sair
Os centros ou comunidades terapéuticas de atención a drogodependentes teñen demostrado que a reinserción é posible. Os profesionais da Asociación están tratando de convencer once rapaces, consumidores habituais, para que comecen un tratamento.
Érguete Baixo Miño colabora con tódolos centros de rehabilitación de drogodependentes, públicos coma Alborada, privados coma El Patriarca e tamén relixiosos e gratuítos coma Reto ou Remar.
En distintos centros, dezasete xoves da comarca reciben “educación” axeitada para comezar de novo a vivir.
Nos últimos oito anos, Érguete Baixo Miño atendeu 250 persoas con problemas polo consumo de drogas. Unha obra esta realizada gracias á colaboración de 500 socios que pagan cotas, moitos colaboradores que traballan sen cobrar e casas comerciais que apoian o seu labor.
Despois destes oito anos de esforzo, a directiva cre que os Concellos do Baixo Miño non acaban de asumir que o das drogas é un problema sanitario e social de todos e polo tanto hai que destinar fondos fixos para combatelo.
labor de denuncia
A Asociación naceu no ano 90 debido ó interese de persoas afectadas polo consumo de drogas na súa familia, xente normal en busca de respostas, de saídas.
Eran moitas as familias da comarca na procura de axuda, desorientadas ante un conflicto que descoñecían. O problema estaba instalado. Desde o ano 84 operaban en A Guarda pequenas bandas que asaltaban boticas ás fins de semana para obter substancias estupefacientes. Xosé Antón Uris conta que nunha ocasión levaron un producto almacenado desde a Segunda Guerra Mundial, por suposto caducado e que representaba un perigo para a saúde.
Esas bandas de traficantes a baixa escala comezaron a colaborar con redes de narcos e pequenos capos que se exiliaran ó norte portugués, cando as forzas de seguridade do Estado empezaron a fustigalos. Érguete Baixo Miño inicia a súa colaboración neste acoso, denunciando os intermediarios que introducían a droga na comarca, ás veces empresarios coñecidos que terminaron no cárcere. Recibían a información das familias asociadas e facían seguimento de sospeitosos.
Apoio social
A situación social de moitas familias da comarca é un caldo de cultivo para as drogodependencias. Xosé Antón Uris salienta que existen importantes bolsas de pobreza no Baixo Miño, que hai parroquias onde o alcolismo e a drogodependencia están asentados e deterioran a convivencia social.
Só o ano pasado a súa Asociación repartíu máis de dous mil quilos de alimentos entre familias sen recursos, productos excendentes da Unión Europea.
Entre os anos 90 e 98 unha ducia de mozos morreron no Baixo Miño por sobredose ou adulteración de drogas. Segundo fontes da Asociación, en máis da metade dos casos, o certificado de defunción achacaba a morte a outras cousas máis naturais e aceptadas socialmente.
Rita Alonso
Escribe o teu comentario: