Asociación Cultural Eliseo Alonso

[ Arquivo ]

Febreiro 2007

Xullo 2004

Xuño 2004

Maio 2004

Outubro 2003

Xaneiro 2003

Xuño 2002

Xaneiro 2002

Xullo 2001

Abril 2001

Xaneiro 2001

Setembro 2000

[ Buscador ]

« Anterior | Portada | Seguinte »
 

Novela: Luis Bugarín. Río abaixo

Data: Venres 17 de Xullo de 1998

Luis Bugarín Pereira naceu en 1962 en Tui. Actualmente é profesor de ensino secundario no instituto de A Guarda. O día dezaseis de xuño presentou a súa primeira novela, Río abaixo, na galería de arte Trisquel e Medulio da súa vila natal. Alá fomos e alá contounos...

É a historia dun rapaz, de oito anos, que vai descubrindo un mundo que non coñecía, que é o mundo do pasado. Consiste en trae-lo pasado ó presente do rapaz, que a historia deixe de ser algo morto, algo que está nos libros, e que se convirta en algo que a el lle pode axudar. Estou convencido – son profesor de lingua – de que non hai pobo nin persoa sen Historia, que o que temos por atrás debe ser unha axuda, non un lastre. Debe facerte sentir orgulloso. Se logo queres marchar ou facer outra cousa, que te sintas orgulloso do que es. Que non sexa un lastre, é dicir, algo co que teñas que cargar. Entón a idea é esa: mostrar un rapaz que se enfronta con iso, que se enfronta cunha historia do pasado que puido pasar. O libro está moi documentado. Hai teorías que evidentemente non están comprobadas ou que se están agora debatendo, pero en principio son cousas que puideron pasar.

— Trátase de aprender da Historia.

— Si, algo así. É que a mais nós somos precisamente un pobo sen historia. Os romanos entraron polo río Limia, confundíndoo co río do Esquencemento. Pois non o confundiron, non. A cita non é miña, pero é moi bonita. Gústame. O río do Esquecemento para os romanos era o Limia e para nós parece que tamén. Estamos esquecendo constantemente. Tui, por exemplo, Tui é unha cidade histórica. Pero non o parece, ás veces non o parece. Para algunha xente da miña idade ás veces Tui foi máis un cárcere ca un lugar onde desenvolverte. Eu intentaba que non fose así, darlle a volta.

— Ocórreseme preguntarte, ó fío diso, se é que vivimos sempre de costas ou é que nunca nos gusta o sitio onde vivimos ou ¿que pasa coa nosa historia, que sempre a rexeitamos?

— Non. Aí tamén hai unha opción persoal. Ti nun momento determinado podes decidir marchar, que non che gusta este lugar e vas para outro. Iso é indiscutible. Pero unha persoa é coma unha planta, se lle quíta-las raíces, ¿de que vale? Se ti te sentes orgulloso de que a túa familia, ou o teu pai foi así ou asá, de que ti es así, a historia pode nacer agora, ¿non? E se te sentes orgulloso da túa traxectoria, sénteste seguro. Se non te sentes seguro, se non te sentes orgulloso, se non te sentes contento, es un pouco coma unha folla que o vento move. Entón eu quería ver ese lado da Historia. Tampouco quería facer unha especie de novela histórica, senón crear un personaxe literario. Se léde-la novela, veredes que o o personaxe nin é moi bo, moi bo, nin tampouco é tan malo. É un crío que ás veces abusa dos seus amigos e outras veces é xeneroso. Coma tódolos críos.

— ¿Non tes medo de que para os xoves, que son moi esixentes coa literatura, resulte un molote por conter Historia así, ou está conxugada de maneira que lles pareza atractiva?

— O que intentaba era reproduci-lo que a min me gusta como lector. A min gústame unha novela áxil – non o conseguín tanto como eu quería. Quería que fose incluso máis áxil. E logo que a novela tivese un certo ritmo e un elemento de aventura. Pero (antes intenteino dicir) a aventura é inventar, a aventura é crear situacións que non vives e iso é superdifícil. Entón, home, ó mellor conseguino e ó mellor a lectura é áxil e agradable. Ó mellor non o conseguín tanto. Terédelo que xulgar vós. Pero sobre todo o que intentaba era iso, que a historia fose atractiva, que o persoaxe, máis ca perderse en reflexións, que vivise. O personaxe histórico vive nunha época que puido ser perfectamente e que a sofre, pero non se para a reflexionar sobre ela. Vive esa época. Creo que unha das virtudes do libro – claro que falar de un é botarse piropos, pero, en fin, bótome un par deles – dalgunha maneira a novela consegue non ser tanto reflexionar, se non participar.

— ¿Como se pasa de escribir relatos curtos a unha novela? ¿É que non chegan as páxinas para expresa-lo que queres?

— Presentárame a algún concurso e gañei algún concursiño. Concursiño, non, concursazo, porque a xente que o fixo, fíxoo con agarimo. Coma o do Concello de Porriño. No Liceo de Porriño fíxose un concurso de narrativa. Pero non me pareceu a min tampouco especialmente substancial, á parte que ¿para que ve-lo que hai atrás? O que hai é unha novela e está aí. E en canto ó de pasar de escribir contos, de non escribir nada a escribir unha novela, pois, non sei. Para min a literatura era algo que me agradaba e que facía para min. Eu escribía uns contos que a ninguén lle gustaban. De feito, reunín eses contos, mandeinos a unha editorial e non lles gustaron. Como contos non son bos. Decidín un día deixar de escribir contos e facer unha novela. Encóntrome con que o gran problema dos meus contos é que os escribo con ritmo de novela. Como contos, a min persoalmente gústanme, pero ó resto da xente, non. En cambio na novela, síntome moito máis cómodo. Espero que non sexa a única novela que publique.

— ¿Estás escribindo algo?

— Teño unha novela máis breve, menos ambiciosa, a metade das páxinas practicamente, acabada. Non sei que facer. En principio á xente que a leu gústalle, incluso máis ca esta. Eu non o vexo de todo claro, pero probablemente si que a envíe a unha editorial. Non sei se se publicará. Espero que si.

— Como dás clases nun instituto e esta revista é unha revista cultural e eu espero que a lean rapaces de instituto, ti que coñeces o que lles gusta a esas idades, dado que nos resultados dunhas enquisas hai pouco dicíase que os rapaces de agora lían pouco e facían moito deporte, non sei se pensas que non se le ou se se pode facer algo para que os rapaces lean.

— Mira, vamos ver. Eu escribín dúas novelas xa, acabadas; estou a mediados dunha terceira. E vouche dicir, fago remo, bicicleta e corro en maratóns de corenta e dous quilómetros. Este ano tiven unha lesión e non corrín. Se iso che parece imposible de compaxinar, aquí tes un exemplo. Os rapaces que máis deporte fan, normalmente son máis activos. O problema non son os rapaces que fan deporte; o problema son os rapaces que non fan nada. En canto ó que se refire a esta novela, eu creo que lles pode gustar. Todo o mundo di que unha novela para instituto ten que ter coma máximo cento cincuenta páxinas. Esta ten duascentas, duascentas trinta. Pásase en oitenta páxinas.

Patricia Portela / Silvia Bautista

Extracto do libro:
“As xentes que viñan río abaixo, que eran famosos polo seu altar de sacrificio, onde moitas preguntas eran contestadas con gran acerto, fixeran xa sacrificios ós deuses para gañar a súa benevolencia naqueles intres. Aquel era un dos nosos lugares máis sagrados. Un monte situado xusto onde o río entra no mar, de moi fácil defensa; pero algo cativo para xuntar tanta xente co gando, ademais de que estaba moi lonxe das terras da cabeceira do río. Río abaixo, antes de chegar a ese monte, tiñamos outros dous altares máis, adicados a Bainis, deus que habita o río, os cales eran moi respectados polo noso Pobo, pois sempre os seus augurios reflectiran ben a vontade dos deuses todos.” (px. 78-79)

“Collemos arco e unha decena de frechas mais dúas azagaias cada un, algo de comer, dous tabardos por se decidiamos facer noites, cousa que a min non me apetecía naquelas circunstancias, a Udeo parecía que a idea lle tiraba, e tamén un recipente de cortiza de bidueiro, onde coloquei coidadosamente nun leito de musgos verdes uns tizóns para non ter que andar a prender lume. Botamos a cabalgar co fresco da mañá seguindo o río e chegamos pronto ó poboado que tiñamos cerca da beira, agora abandonado polos seus moradores. Deixamos alí os cabalos e antes de nada eu fun ata a ara cun pequeno coello que traía para o sacrificio. A ara estaba escavada nun gran penedo situado sobre un outeiriño que miraba ó río. Alí vivía un grupo grande da nosa xente, esculpiran sobre a pedra dous profundos surcos que se unían nunha cazoleta, cun pequeno bico para baldeiraila. No silencio daquel lugar, non moi alto, pero que dominaba moi ben o río, podíase presentir o fervor co que durante tantos anos foran consumadas as cerimonias pola miña xente, presentíanse as almas dos antergos alí, observándonos.” (px. 101-102)

Luís Bugarín Pereira, Río abaixo
Ed. Galaxia, 1998.


Escribe o teu comentario:
 










Lembrar estes datos?







Contidos © 2004 Asociación Cultural Eliseo Alonso · Deseño © 2004 Citania Multimedia