[ Arquivo ]
[ Buscador ]
Data: Venres 17 de Xullo de 1998
Antonio Álvarez Rodríguez vive desde hai moitos anos en As Eiras, no Concello de O Rosal, nunha casa desde a que entrevímo-lo azul do Río. Contounos que el nacera en Salcidos no mes de setembro do ano 25, así que dentro de nada cumprirá os 73.
Desde aquí felicitámolo por adiantado. O pai, portugués de Viana do Castelo, foi quen lle ensinou o oficio, no que empezou a traballar ós 14 anos. Pero como el nos confesou, non todo o que sabe o aprendeu del: “Para aprender, hai que estar na cama e ir soñando o que tes que facer.” Ás noites de inverno son propicias para cavilar en silencio o feitío dun cesto novo.
Desde aquela Antonio dedicouse sempre á cestería feita con madeira –non con vimbio, que nunca o traballou. En tempos estaba moi solicitado, xa que preparaba cestos tanto para os labores do mar como para os da terra. Así, as súas mans tecían patelas para o peixe e capachos nos que se recollía a uva durante a vendima. Se se trataba de cestos que non conviña que fosen tupidos, chegaba a facer dúas pezas por día – desde as seis da mañá ás dez da noite.
Claro que non é todo chegar e encher. O proceso esixe ir pola madeira ó monte, onde se escollen os fillos novos (de cinco ou seis anos) que saen onde se cortou algún castiñeiro, a mellor madeira, porque dura máis. Tamén é moi utilizado o salgueiro. Despois hai que queimala ata que rache a casca e cocela en auga a ferver. Por último, féndese e vanse quitando as tiras. Estas cepíllanse coa coitela e así xa están prontas para as mans do artesán.
Antonio pasou unha época en que coa invasión dos plásticos descendera radicalmente a demanda de cestos, pero hoxe, recoñece que volve estar moi solicitado e que vende todo que fai. Claro que o que fabrica agora son máis obxectos decorativos, cestiños para o pan e bandexas, do que propiamente útiles de traballo. Por desgracia, lévalle moito tempo preparar estes obxectos e o choio non rende. Hai que cobrar caro e a ganancia é pouca, “Non lle sacas nada, pero paso o tempo”. Oxalá o néto, de cinco anos, atope un futuro no que os cesteiros recuperen o seu lugar.
María A. Seisdedos/ Pancho Salmerón
Escribe o teu comentario: