Asociación Cultural Eliseo Alonso

[ Arquivo ]

Febreiro 2007

Xullo 2004

Xuño 2004

Maio 2004

Outubro 2003

Xaneiro 2003

Xuño 2002

Xaneiro 2002

Xullo 2001

Abril 2001

Xaneiro 2001

Setembro 2000

[ Buscador ]

« Anterior | Portada | Seguinte »
 

I. Diario dunha viaxe por Namibia

Data: Venres 18 de Xuño de 2004


A Mario

Ó longo da vida, Mario, haberá infinitas ideas e pensamentos a rondar na túa cabeza, desexos que coma papaventos estarán prendidos en fíos, a diferentes alturas, diferentes distancias, achegándose ou alonxándose segúndo che vaia indo. Tes que andar atento porque ás veces tirar dun fío ou doutro depende dun momento que pode non volver repetirse.
A casualidade fixo que souberamos de Cristina e Jesús, de Namibia e Walvis Bay, que é o lugar onde viven. Tirei do fío do meu papaventos e África foi facéndose cada vez máis grande, vindo cara min chea de cores e músicas.


I. FACER AS MALETAS

Despois de ler a Conrad, África converteuse nunha metáfora, unha á de bolboreta dentro da retina, un soño máis forte cá realidade mesma que relata: Congo. Esta foi a viaxe de Javier Reverte: o pouso que Conrad deixou dentro del, o desexo de saber se todo o que Conrad mete no maxín de quen o le existe, pasear pola mesma e única rúa de Brazzaville, subir contra todo o que naturalmente descende ou permanece impasible nas beiras do río da vida, o río Congo, vivir dentro do seu libro.
E Kapucinski. A viaxe como vida e a vida a través de Kapucinski: a espera no deserto, os leóns vagos, a loita coa serpe... É formidable. Despois de lelo verás o mundo a través dos seus ollos... Relámbome ó pensar no tempo de lectura que che espera... Na túa propia viaxe.

Normalmente non gosto da lectura de guías, xente que pensa por ti, que che di onde tes que parar, ou durmir, ou sorprenderte, ou rir. Pero Namibia está moi lonxe, na outra metade, no Sur do mundo, e precisas de ir póndolle nome ós soños, ou polo menos situalos con referentes xeográficos que non son por reais menos soñados. O único mapa que atopei véndese xunto coa guía, así que tamén lle botas –como diría o avó– unha visual, quedando cos consellos sobre as augas, a calor, as vacinas e esas cousas que non vén mal recordar.

Abrir un mapa é coma un regalo. Trazas rotas cos dedos e a imaxinación circula a velocidades vertixinosas polas estradas, de cidade a cidade, de rexión a rexión, de país a país... !Namibia! Eu nunca antes mirara con atención para este cacho, sempre vía para África enteira ou para Mozambique e Angola por referentes musicais, sobre todo o Zeca Afonso e o noso amigo Alberto Mvundi... E por suposto nunca vira un mapa tan baleiro coma este de Namibia, tanto que pensei que era un mal mapa. Pero os nomes dentro del tiñan maxia: O Namib, Ethosa, Sossusvlei, Walbis Bay, o Atlántico Sur, o Índico, Cidade do Cabo, Kalahari... E un pouco de historia é imprescindible para comprender un lugar tan inmenso, con estraños límites, tan rectos, tan certeiros todos. Todos menos aquela esquiña de arriba que como unha lingua verde se estiraba dende Namibia para chegar entre Angola, Zambia e Botswana ata Zimbabwe: O Caprivi. Tamén iría até aló...


II. VOOS E AEROPORTOS

Cada certo número de asentos hai pantallas de televisión. Agora mesmo informan de que estamos sobre Tamanrasset no deserto do Sáhara. Voamos a 10Km por riba da terra e a 940 Km/h. Fóra do avión a temperatura é de -40º, dentro estamos a 23º. É un avión inmenso modelo Airbus. Estou atravesando medio mundo, saltando dun a outro continente, do finis terrae ó fondo do cu do vaso que é África, do Atlantico ó Pacífico, de Vigo a Johannesburgo.
Nos ollos das persoas que voan neste avión non se le moita cousa. Tal vez acostumados ás inmensidades, os seus ollos permanecen inmutables. Tampouco moitas cores. A maioría dos pasaxeiros teñen pinta nórdica, ollos claros, azuis, e o cabelo louro, case branco. Hai uns pequenos xogando polo avión que terán mais ou menos a túa idade. Un é louro, dous son negros e hai outro moi moreno; pode ser indio. Falan inglés entre eles e rin non sei de qué, posto que eu non falo a súa lingua. Miro para eles, escribo das súas cores de pel, dos seus países e eles quizais sexan todos da mesma cidade, vivan nun lugar semellante, ata no mesmo barrio, e nin sequera noten as súas diferencias. Estaría ben, ¿non? Iso sería mirar o mundo desde arriba, dende a altura deste avión.

Dentro de pouco tocaremos terra, realidade: Johannesburgo. Iamos atrasados para coller o enlace con Namibia e avísannos de que pasaremos a noite nun hotel da cidade. “¡Nin se vos ocorra saír do hotel e menos pola noite!, dínos a azafata, ¡sería de tolos!”. ¿Será ese o horror do que fala Conrad e que retrata tan ben Kapucinski? Creo que si, que o horror –que quizais non sexa tanto como di a azafata– debe de esconderse agora noutras selvas, nas de asfalto e rañaceos de cidades como Johannesburgo.
Nas aforas da cidade péganse propiedades con casas pequenas a grandes granxas, pero sempre valadas con arame de picos por riba, arame roscado que eu só vira nas películas, nos campos de concentración nazis ou nos cárceres de guerra yankees. É moi desagradable esta visión da cidade que, din as estatísticas, é a mais insegura do mundo.
Gosto sen embargo do seu aeroporto: un formigueiro, unha loucura de xentes, de razas, de cores, de olores, de caras. Mais tamén de gardas, de vixilantes, de militares, de uniformes de servicio do propio aeroporto e mil policías máis. Despois do airbus, o avión que nos leva a Windoek, capital de Namibia, máis parece un tranvía.

Tardamos quince minutos en deixar de ver Johannesburgo, xa te podes dar de conta a cantidade de casas de folla de lata que pegan a súa pobreza contra os muros de luxo e moda da gran urbe: ¡millóns! Impresiona velas dende arriba, apiñadas, ordenadas ás veces, sen avenidas que as separen nin zonas verdes. Pasamos tamén sobre o Kalahari, pero tan alto que non vin animais, nin bosquimáns, que son os habitantes deste deserto. Só vin deserto, predeserto, montañas calvas e logo máis deserto... E de súpeto presión nos oídos, o avión da British que baixa e baixa –deserto e deserto– e segue a baixar... ¿A onde ira?... Penso en esnafrarme sen remedio... E por fin: asfalto, unha pista, aterraxe perfecto: Windoek. Apenas vemos nada a través da ventá: uns cantos avións e pouco máis.

Ó baixar unha lixeira bocanada de calor, sol claro e todo pequeno menos os avións. Sigo mirando: ¿onde estará África? Moi lonxe, despois das pistas, naquela pouca herba seca que predice sabana, onda aquel espiño que non está a comer xirafa algunha. Si, África debe estar alí.
En Windoek leváronnos de furgalla dende o aeroporto ata outro máis pequeno no centro da cidade, un aeroporto estraño, sen avións, tan só avionetas. Maletas, carros, pasaportes, policía, e case ninguén mais ca nós e uns señores que rían e unha moza que tamén ría... Rían de nós, da nosa cara de parvos ó descubrirmos que iriamos ata Walbis Bai naquelas pequenas avionetas, do Pacífico ata o Atlántico outra vez, naquelas...
¡Formidable! As avionetas, Mario, son coma anxos sobre o deserto, coma aves sen presa, aguias que soben e baixan sobre un solo ás veces escuro, outras menos, gretas negras de mineral de ferro, area e máis area: O deserto do Namib.

E ó lonxe, o mar: a Walbis só chegan os anxos


Escribe o teu comentario:
 










Lembrar estes datos?







Contidos © 2004 Asociación Cultural Eliseo Alonso · Deseño © 2004 Citania Multimedia