[ Arquivo ]
[ Buscador ]
Redactor: Nando Álvarez
Data: Mércores 12 de Maio de 2004
![]()
Xosé Luís de Dios é unha das tres figuras que formaron na década dos sesenta o chamado grupo Volter, xunto a Xaime Quessada e Acisclo Manzano. Este grupo protagonizou un movemento decididamente renovador e vangardista ante o estatismo e o folclorismo da arte galega daquela época. Buscábase unha nova arte de ámbito máis internacional, que se abrise a outros estilos como o cubismo, a abstracción, o expresionismo…, movementos case que inéditos en España, malia contaren con medio século de vida noutras partes de Europa e América. En poucos anos varios artistas uníronse a este colectivo, entre eles Xavier Pousa e Buciños: eran os "artistiñas" de Ourense.
Naquela vertixinosa década dos sesenta, na cidade de Ourense agrupáronse ó redor da figura de Vicente Risco unha serie de intelectuais, escritores e artistas que acostumaban xuntarse para participaren en reunións e tertulias nas que se debatía sobre temas diversos. Un deste lugares de reunión era o Bar de Tucho, do que o propio Risco chegou a dicir durante unha das numerosas discusións que alí se daban que xa recordaba o famoso Café Voltaire de Zürich, que el coñecera nunha das súas viaxes por Europa. Esta anécdota non se esqueceu, e tras o pasamento do vello intelectual en 1963, organizouse unha homenaxe na súa honra no que antes fora o Bar de Tucho e que a partir dese momento pasou a chamarse Café Volter. Ese acto significou tamén o nacemento como grupo dos Volter.
En Risco atoparon estes artistas un importante chanzo no que se afincaren na procura dunha nova arte en Galicia. Risco informounos do que se facía alén as fronteiras, animándoos a seguir cara adiante nos seus traballos de cambio e ruptura. Pese a ter certa sona de conservador ou de conformista, no eido da arte Risco era un adiantado na súa época, coñecedor dos últimos movementos que estaban transformando a arte no resto de Europa pero que inda non entraran en España.
De Dios destaca dende un principio polo seu dominio do debuxo. Traballou en publicidade e cartelismo, o que posiblemente marcou a súa evolución posterior. Ademais deste claro dominio do debuxo, as súas obras sobresaen tamén pola paleta de cores vivas que utiliza. Dá a impresión de que as figuras son debuxadas antes de pintadas, de maneira que o debuxo predomina sobre a mancha as máis das veces, agás nalgunhas obras nas que os motivos sen pintan directamente, o que lles confire un carácter máis abstracto.
Multitude de elementos residuais e de consumo enchen os seus cadros: botes, parafusos, restos de cerámica, columnas de pedra, etcétera. En ocasións non son figuras recoñecibles, sino simplemente triángulos ou cubos, pero que denotan unha clara artificialidade. Entre estes elementos aparecen as figuras humanas, conxeladas; ás veces temos a sensación de estarmos ante unha imaxe puntual dunha historia que continúa. Xosé Luís de Dios afirma ante este feito que a súa obra quizá non sexa máis cá obra dun "literato que pinta".
Os elementos que aparecen nos cadros semellan ter un carácter simbólico, coma mensaxes oníricas que lle confiren un halo de misterio ós lenzos. En ocasións os mesmos personaxes adquiren este carácter de obxecto ó seren pintados como bustos dispostos enriba de peanas ou en cadros pendurados da parede. Non son, sen embargo, simples imaxes ou esculturas carentes de vida, se non que seguen os outros personaxes do cadro coa mirada, como se os perseguisen cos seus pensamentos. Son estes obxectos ou figuras os que nos fan sentir ante unha breve escena dunha historia maior. A partir do que vemos no cadro podemos intentar adiviñar o que pasa ou, inda mellor, imaxinar por nós mesmo o que pasa, creando a nosa propia historia.
Dá a impresión de que el mesmo non se ve como pintor, traballa máis preto da literatura, cadros como historias, nunha pintura que foxe do meramente plástico (de aí o dominio do debuxo sobre a pintura). Se na xuventude a situación social non lle dificultase tanto o acceso ós libros, el mesmo defende que quizais non se dedicaría a pintar, se non que é moi posible que se decantase por outros campos máis relacionados cos libros: a literatura, a investigación…
Nas súas obras dos sesenta afirma non saber moi ben por que estaba sempre pintando figuras desgarradas, dun acusado dramatismo acentuado pola crueza dos trazos. Co tempo vemos que este trazo característico dos debuxos segue sendo enérxico pero os temas xa non son tan tráxicos coma daquela. Todo ó contrario: os seus personaxes aparecen case sempre en calma, paseando, pensando, ollándose entre eles, pero con frecuencia nin sequera parece que falen entre si. A relación entre as figuras dos cadros acostuma a limitarse a unha ollada ou a estender as mans (non sempre baleiras).
Xosé Luís de Dios sostén que non lle preocupa seguir un determinado estilo, o que lle preocupa é solucionar os problemas que lle van xurdindo en cada lenzo: a etiqueta do estilo xa lla porán desde fóra.
No Baixo Miño
A primeira vez que Xosé Luís de Dios ten constancia de oír falar do Baixo Miño foi na boca de Xavier Pousa, que chegara a Ourense a mediados dos sesenta para sumarse ó colectivo dos "artistiñas" (cualificativo outorgado tamén por Risco). O certo é que De Dios non lle prestou moita atención, penso que aquelas historias que contaban eran máis froito da súa imaxinación e da parranda ca doutra cousa. Pousa falaba da súa terra natal, de Goián, como unha especie de lugar mítico, unha Samarkanda onde convivían os individuos máis estrafalarios, dos que contaba as anécdotas máis difíciles de crer para persoas que como Xosé Luís de Dios sempre viviran nun medio urbano.
A partir daquela década dos sesenta, De Dios viviu en Madrid, onde realizou a meirande parte das súas creacións, e non foi máis có azar o que acabou facendo que o pintor se trasladade a vivir a Tui. A súa muller aprobou unhas oposicións de mestra nesta localidade, e Xosé Luís de Dios empezou a alternar as súas estancias entre Madrid e Galicia. De todos os xeitos sempre foi en Madrid onde desenvolveu a súa vida artística, alí tiña o seu estudio e alí expuña a súa obra. Só agora parece inclinarse a unha vida máis tranquila, lonxe do circuíto artístico no que decote se moveu, cada vez máis comercial, e instalouse no Baixo Miño en toda regra cun estudio propio. Tal vez sexa interesante comprobar dentro duns anos como se reflicte na súa obra o regreso a Galicia, coa conseguinte desvinculación dunha capital da cultura e a arte como Madrid.
Escribe o teu comentario: