Asociación Cultural Eliseo Alonso

[ Arquivo ]

Febreiro 2007

Xullo 2004

Xuño 2004

Maio 2004

Outubro 2003

Xaneiro 2003

Xuño 2002

Xaneiro 2002

Xullo 2001

Abril 2001

Xaneiro 2001

Setembro 2000

[ Buscador ]

« Anterior | Portada | Seguinte »
 

Lís

Redactor: Nando Álvarez
Data: Martes 11 de Maio de 2004

Músicos, óleo sobre lenzoCando observamos os cadros de Lis, apreciamos a obra dun artista totalmente autodidacta. Naturalmente, isto non vén a significar que se fixera como artista metido nunha burbulla e illado das obras dos artistas do seu entorno, senón que foi evoluíndo influído por varias correntes anteriores a el como puideron ser o surrealismo e o cubismo nun principio, e por pintores galegos de mediados de século máis tarde, para así ir conformando un estilo propio e característico que fai que distingamos unha obra súa no medio de calquera exposición.

Así veremos como nos seus lenzos de mocidade lémbranos clarisimamente as obras do surrealista Dalí, con lecturas moi elaboradas dos seus cadros a través do simbolismo e apoiándose nun destacado detallismo e dominio técnico. Estas complicadas utilizacións dos símbolos foron deixando paso a obras de argumento máis sinxelo, cunha estética máis próxima á da arte cubista e con algunhas influencias de grandes pintores galegos do século xx como Laxeiro ou Luís Seoane. Finalmente recalamos nun estilo máis persoal que na actualidade nos permite diferenciar as súas obras, un estilo en que economiza as liñas pero non as sensacións que con eles consegue expresar. Son os de agora cadros moito máis coloristas, que anque ás veces se aproximen á estética da arte abstracta, nunca chegan a abandonar o figurativo.
Gaiteiros, óleo sobre lenzoAs liñas que conforman as figuras débense a longos e soltos trazos, realizados de forma moi libre e espontánea, lonxe da meticulosidade das escenas realistas ou dos retratos que Lis tamén pintou nos seus inicios e que inda pinta en ocasións, respondendo a algúns encargos. Os seus trazos non resultan nunca duros ou ferintes, pois non se adaptarían á luminosidade das cores nin á alegría dos temas representados. As cores son alegres pero non resultan rechamantes, ó estaren todas elas rebaixadas con cor branca. A través desta característica Lis dálles ós seus cadros un certo grao de uniformidade, pois mesmo que as escenas estean compostas de planos de cores distintas ou de distintos tons, o conxunto ten en común ese unificador engadido do branco. Hai un certo rexeitamento do óleo tal e como sae do tubo, que para o pintor pode resultar demasiado artificial e agresivo. Este uso de paletas suaves tradúcese nunha sensación moi agradable á vista e ó mesmo tempo adecúase ós motivos que as máis das veces trata o pintor: maternidades, parellas, escenas alegres de músicos... Simultaneamente podemos apreciar dende hai uns anos que xunto a estas cores o artista non emprega nunca a cor negra, as liñas que delimitan as figuras e que conforman os trazos dos debuxos son de cores castañas ou azuis escuras, pero sen chegar nunca á negra.
Outra das características da obra de Lis é a busca das tres dimensións, tanto mediante a inclusión de retrincos de tea de arpilleira pegados no lenzo como polo engadido de distintas texturas como base para a pintura, que consegue a través da aplicación de po de mármore mesturado con cola sobre o lenzo antes de comezar a pintar. Isto confire un
carácter máis táctil, na procura dunha apreciación non meramente visual.
Mentres Lis nos ensina os seus cadros observamos como de cando en vez pasa os dedos polo lenzo, percibindo as distintas texturas e calidades que configuran os planos. Esta busca das tres dimensións é un legado da época na que Lis traballou de axudante no obradoiro de escultura de Antúnez Pousa, en Tomiño. Tras esta experiencia de traballo no campo escultórico, o pintor empezou a buscar ese tipo de texturas a través de materiais que nun principio saíron deste mesmo taller, coma o po de mármore.
Deste modo os lenzos vénse enriquecidos, fuxindo das superficies totalmente planas da pintura máis tradicional. Case que poderiamos chegar a afirmar que os cadros de Lis constitúen un tipo de obra que está pensada para ser acariciada, para ser percibida co tacto ademais de coa vista. Se antes o artista trataba de simular as tres dimensións por medio dun correcto uso da perspectiva (véxanse os cadros tomados da zona vella de Tui) agora prescinde deste sistema para darnos unha sensación de tridimensionalidade quizais menos ambiciosa, pero absolutamente real.
A obra de Lis foi evoluíndo dende o detallismo dos seus cadros surrealistas ou do realismo das súas paisaxes da zona vella de Tui cara á escenas nas que a maior contribución do pintor xa non é o virtuosismo técnico senón o estilo persoal, cunhas composicións que responden a unha estética característica: lenzos xeralmente menos sobrecargados, con grandes planos de cor sobre os que se sitúan as figuras retratadas, que xa non se atopan en ningún contexto recoñecible. O tema destas obras dos últimos anos responde na maioría das ocasións a maternidades ou a escenas de músicos.
Aínda teremos moito que esperar deste pintor, teremos que esperar para saber por que camiños discorrerá no futuro a evolución da súa obra.


Escribe o teu comentario:
 










Lembrar estes datos?







Contidos © 2004 Asociación Cultural Eliseo Alonso · Deseño © 2004 Citania Multimedia