[ Arquivo ]
[ Buscador ]
Redactor: Nando Álvarez
Data: Sábado 8 de Maio de 2004
A experiencia de vivir o fusilamento do seu pai cando a penas contaba cinco anos marcouno para a vida. Tras a morte do pai, a súa nai, Isaura, conseguíulle un salvoconducto para Lisboa, onde estivo durante un ano. Cando voltou, continuou asistindo á escola de don Garcés en Estás, onde xa coincidíu con Xavier Pousa, quen aínda non era discípulo de Antonio Fernández, e que co tempo se convertería nun gran amigo. En Estás asistíu a unha escola privilexiada, onde chegou incluso a falar francés, algo inusual nunha época na que os profesores se vían obrigados a ensinar instrucción no patio da escola e a dar clases case que exclusivamente de relixión.
Ós dezasete anos embarcou para Buenos Aires, onde o estaba esperando Daniel Calzado. Alí vivíu durante anos con Alonso Ríos, quen organizaba charlas ás que asistían gran parte da intelectualidade galega exiliada. Así coñeceu a personaxes como Castelao, Laxeiro, Blanco Amor, Eliseo Alonso... e outros non galegos como Pablo Neruda. Durante dezanove anos vivíu na Arxentina, onde xa pintaba algo, pero non o suficiente como para empezar a expor, pois aínda non dispuña do tempo necesario.
Xa ben entrado nos trinta, Mario regresa de Buenos Aires para volver emigrar, desta vez para Londres. En Inglaterra traballou como xefe de cociña nun hotel. Agora é cando por fin consegue dispor dalgún tempo para comezar a pintar. Así, ás fins de semana acostumaba a coller o coche e saír da cidade a pintar, pois sempre lle tirou máis a paisaxe, temática protagonista na inmensa maioría das súas obras.
Por fin, no ano 1977 Pousa organizoulle unha exposición en Vigo. Cando Mario chegou de Londres, encontrouse con todos os cadros xa colgados e prontos para a inauguración. Nesa primeira ocasión vendeu once cadros. Poucos anos despois, Mario decide voltar definitivamente a Figueiró para se dedicar en exclusiva á pintura, inda que durante anos voltaría periodicamente a Inglaterra, país do que conserva varias paisaxes, como o Outono en Oxford de 1993.
No ano 1990 participa nunha exposición en París en conmemoración do centenario da morte de Van Gogh. Para esa ocasión pinta unha versión do autorretrato do pintor holandés con sombreiro do Museo Van Gogh de Amsterdam. Con posterioridade, no 1997, pinta outro retrato de Van Gogh, pero desta vez sen versionar ningún cadro en particular, utilizando unha pincelada moito máis nerviosa e expresiva, en honor ó propio protagonista do cadro. Deste modo podemos ver un interesante retrato de Van Gogh con pipa e ollos totalmente azuis.
Lendo sobre a obra de Mario Rodríguez observamos que non hai un consenso á hora de incluír os seus cadros dentro dun determinado estilo. Uns din que é naïf, outros que é expresionista, outros poderían defender que é fauvista... Parece que os espectadores temos a necesidade de encadrar as obras de arte que vemos dentro dun estilo, encaixalas nun determinado movemento para así poder dicir que as entendemos. Cando non é así, cando algo sae de calquera estilo coñecido, a maioría das veces caemos na incrible soberbia de dicir que iso está mal.
Debemos aprender a entender os distintos movementos artísticos como unha mera ferramenta didáctica, que nos axuda a identificar a arte dun determinado grupo de artistas dunha época ou dun país que se inflúen estilisticamente entre si, ou que toman postura ante a arte dunha forma específica.
Nos cadros de Mario podemos apreciar a espontaneidade da pintura naïf, as cores vivas do fauvismo, as fortes pinceladas do expresionismo; nalgunhas das súas obras podemos apreciar incluso a inequívoca técnica do puntillismo. Sen embargo, non podemos dicir que a obra de Mario Rodríguez sexa totalmente naïf, nin fauvista, nin expresionista...
O tema protagonista na inmensa mayoría dos seus cadros son as paisaxes, vistas da súa vila de Figueiró, mariñas, viñedos, sempre salientando as magníficas cores da natureza, como podemos apreciar máis claramente nas súas primaveras ou nos outonos. Mario Rodríguez acostuma a pintar esbozos no campo para logo, xa con calma e coa comodidade que lle proporciona o seu fermoso estudio de Figueiró, compor o cadro definitivo. Inda que ás veces prefire a espontaneidade da primeira impresión, e cadros que nun principio nacen como bocetos para unha máis pausada revisión no estudio, quedan tal e como naceron, como é o caso de Paisaxe das Eiras de 1991.
Comentarios:
http://9aa8444d1d2d72dfaa1a2fb229f9af53-t.huihg897.info 9aa8444d1d2d72dfaa1a2fb229f9af53 [url]http://9aa8444d1d2d72dfaa1a2fb229f9af53-b1.huihg897.info[/url] [url=http://9aa8444d1d2d72dfaa1a2fb229f9af53-b2.huihg897.info]9aa8444d1d2d72dfaa1a2fb229f9af53[/url] [u]http://9aa8444d1d2d72dfaa1a2fb229f9af53-b3.huihg897.info[/u] e03050ea2e02bd604983470c788d56c6
Escribe o teu comentario: