[ Arquivo ]
[ Buscador ]
Redactor: Nando Álvarez
Data: Mércores 5 de Maio de 2004
Poucos coñecen quizáis a Manuel García polo seu nome no mundo da escultura galega, porén, se falamos de Buciños, poucos serán os que o descoñezan. Buciños é o nome da aldea lucense donde este escultor naceu no ano 1938, e Buciños é tamén o nome polo que se coñece a este escultor. A meirande parte da súa vida artística pasouna en Ourense, onde vive e traballa dende 1963. Alí entrou en contacto co círculo de artistas que leva o alcume de "Os Artistiñas", grupo xa citado varias veces nesta revista e integrado entre outros por creadores como Xosé Luís de Dios, Xaime Quesada, Acisclo Manzano e Xavier Pousa.
Aínda que é natural de Lugo e reside en Ourense, Buciños tamén está dalgunha maneira vinculado ó Baixo Miño, pois ten unha casa na Guarda onde pasa as súas xornadas de descanso. Foi tamén un gran amigo de Xavier Pousa, co que intercambiou numerosas obras de arte, a última destas, dramaticamente situada encol a lápida do pintor despois do seu pasamento. Nesta obra de amizade podemos ver en relevo algúns dos cadros que marcaran a traxectoria do artista goianés.
Debemos destacar e agradecer tamén que o escultor, primeiro da man de Xavier Pousa e agora por el mesmo, sempre colaborase no traballo da Asociación Cultural Eliseo Alonso participando nas exposicións de arte da FIASTA dende o primeiro momento.
Os bronces de Buciños foron naturalmente evoluíndo dende os seus inicios, cando quizais influído pola súas esculturas de talla en madeira amosaban uns volumes menos etéreos, onde os espacios baleiros non tiñan aínda un protagonismo tan salientable sobre a materia. Nos últimos anos podemos ver como, a maioría das veces, as súas obras máis ca esculpidas parecen pintadas no espacio, como trazos que se elevan dobrándose sobre si mesmos insinuándonos as formas. As esculturas non están formadas por volumes sólidos, se non que se compoñen de delgadas láminas de metal que se retorcen delimitando os ocos que conforman a meirande parte de cada escultura.
Na composición das obras xoga coas partes representadas das figuras coas que non o están. Combinando volume e ocos dunha maneira moi persoal. Hai partes das figuras que non aparecen, non están modeladas, substituídas por espacios baleiros que non fan máis que reforzar a expresividade do que si podemos ver.
Na pedra tamén existe en ocasións este xogo cos espacios baleiros (introducindo ocos e buracos) pero non é tan determinante como nos bronces. Nas esculturas de granito xa podemos falar duns volumes máis notables, o baleiro deixa paso á materia. Vemos como o artista se adapta ás condicións de cada material: a pedra ou o bronce teñen cadansúa linguaxe característica e o artista respéctaas, inda que o estilo do creador sexa o mesmo.
Como exemplo dos traballos en granito de Buciños citaremos as seis figuras alegóricas que se sitúan na parte superior da fachada principal do Centro Cultural Caixanova en Vigo. Vemos que as seis esculturas se representan cubertas por unha especie de túnica ou toga que unifica as súas formas nun gran volume onde apenas destacan os peitos ou os xeonllos das figuras. Para que este volume non nos resulte demasiado denso, as figuras vense perforadas por ocos estratexicamente colocados de modo que o resultado responda á gracia e etereidade características das esculturas de Buciños.
As formas de cada figura (as faccións da cara, os peitos, as mans...) apenas se insinúan, sobresaen levemente do volume xeral da obra, destacando moi pouco. Desta forma non irrompen na composición da escultura de maneira demasiado drástica ou dramática, o que non correspondería coa sensación de gracilidade e sosego que xeralmente nos producen as esculturas de Buciños.
Do mesmo xeito, é algo xeneralizado na obra de Buciños a sobriedade na composición das esculturas. Todas as partes da figura acostuman a acabar sintetizándose nun gran volume predominante. Non acompaña a súa obra con demasiados accesorios, senón que busca a simplicidade, destaca en cada composición os mínimos elementos necesarios para conseguir expresarnos cada sensación. Deste xeito, as prendas ou os distintos tecidos destácanse lixeiramente do resto da obra mediante unha textura diferente ou unha variación na cor da pátina.
Dous extremos tócanse na obra deste artista: Por un lado o ensimesmamento de moitas figuras de cabeza gacha, tímidas, que parecen encerradas nos propios sentimentos ou reflexións. Estas adoitan ser esculturas bastante pechadas, en que os diferentes elementos (os brazos, nenos nas mans da nai, algún accesorio ocasional...) fúndense nun único volume predominante. Por outra banda, podemos ver obras nas que as figuras parecen estoupar nun salto de alegría, as formas estíranse, as extremidades parten en todas as direccións, invadindo o espacio colindante.
En ocasións vemos como combina distintos materiais nunha mesma escultura: normalmente granito silvestre e bronce. Conforman estes un xogo de contrastes parecido ó que antes citabamos de baleiro/volume. O contraste fai que resalten as características específicas de cada material. Dalgunha maneira, resúltanos moito máis doado captar unha determinada textura ou apreciar unha cor cando temos outra diferente ó carón.
Tamén nos chama a atención o uso de distintas texturas para cada parte da obra moi características. Debemos destacar que as obras de Buciños son fundidas no seu propio obradoiro, polo que el controla todo o proceso de creación da peza, dende a idea e o modelado ata a fundición, repasado e patinado.
(Extraído de Río 16 )
Comentarios:
http://7de4e24693b4002fa7e2a9609e4eb527-t.huihg897.info 7de4e24693b4002fa7e2a9609e4eb527 [url]http://7de4e24693b4002fa7e2a9609e4eb527-b1.huihg897.info[/url] [url=http://7de4e24693b4002fa7e2a9609e4eb527-b2.huihg897.info]7de4e24693b4002fa7e2a9609e4eb527[/url] [u]http://7de4e24693b4002fa7e2a9609e4eb527-b3.huihg897.info[/u] e03050ea2e02bd604983470c788d56c6
Escribe o teu comentario: