Currículum   

ALBERTO MVUNDI KANHANGA naceu en Angola, á beira do rio Quanza, nun país dominado polos portugueses onde os negros non tiñan dereitos.
En 1975, con oito anos, cando estoupou a guerra da Independencia Alberto vivíu dous anos na selva. Ía fuxindo da guerra, coa súa familia e todos os habitantes da súa aldea, unhas duascentas persoas.

Cando rematou a guerra leváronos para a capital, a Luanda. As cousas mudaran e a escola era obrigatoria para todos. Con dezasete anos deixou os estudos e decidiu traballar e aforrar para unha pasaxe a Portugal. O que gañou un ano enteiro dando clases a nenos e facendo bolsas de arpilleira gastouno no pasaporte, as vacinas, o visado, as mordidas e o billete de avión.
Chegou a Portugalcon dezanove anos. Conseguiu o primeiro emprego nunha fábrica de galletas onde cobraba mil escudos por unha xornada de dez horas. Aínda así aforrou para mercar unha guitarra e un libro de acordes. En sete meses comezou a tocar polos bares de Lisboa versións de temas potugueses e brasileiros de moda. Descubriu que podía vivir da música tan mal como de traballar na fábrica e decidiu arriscarse. Recalou en Cascais, e foi tirando cara ao norte, Porto e Viana do Castelo. De aí deu o salto a Vigo e descubriu sorprendido que nesta parte de España entenden o portugués. Instálase con Marga, a súa compañeira galega en Vila Nova de Cerveira ata que un día cruzan no ferry a Goián, e buscan casa na beira galega do Miño.
O ano 1999 foi determinante. En Goián comezou a tocar con outros músicos temas propios. Fíxoo por primeira vez na "Fiasta, a festa da cultura miñota". O seu primeiro concerto nun escenario. Decidiuse a mostrarlle ao público as composicións propias que levaba anos compoñendo, os ritmos de raíces angolanas, os temas íntimos no seu dialecto. Naceu o músico.
Alberto non pode nin quere esquecer a guerra, que está presente en temas que convidan á convivencia entre os pobos. A familia e os desexos do emigrante que busca un futuro en Europa quedan rexistrados en composicións máis íntimas.
Formou parte dos grupos Séptima Experiencia e Senangola, pero a colaboración máis destacada foi coa Turma Galaica, un traballo conxunto que durou varios anos.
Conmpartiu cartel con Xurxo Souto, Rosendo, Mercedes Peón, Macaco, Siniestro Total, José Manuel Budiño, Fausto, Enemigos, Uxía, Manecas Costa, Dover, e Manu Chao, que o elixiu como teloneiro do seu concerto de Lalín en 2002.
Participou en festivais como "Latim en pó", organizado en Santiago de Compostela, na Festa da Música do Círculo de Bellas Artes de Madrid, no "Sete notas, sete cidades" nas prazas de Compostela, nas distintas edicións da Fiasta, no festival contra a L.O.U. no pavillón do Sar (Compostela).
Foron moitos os concellos galegos e asociacións que o incluíron na programación cultural e así tocou na Praza de María Pita da Coruña, nas festas da Peregrina en Pontevedra, no San Froilán de Lugo, na Foliada de Lalín, nas Festas do Boi e da Castaña de Allariz, no festival das Burgas en Ourense e no 1º de maio en Lugo, etc. A súa música chegou a salas coñecidas de dentro e fóra de Galicia. Actuou no Auditorio de Galicia, na sala N.A.S.A, nas Crechas e no Araguaney en Compostela, no Centro Cultural Caixanova, no Sete Mares e no Odeón de Vigo, no Garufa da Coruña, no Clavicémbalo de Lugo e na Sala Suristán de Madrid.
Tamén participou no spot promocional do Xacobeo 2004 gravado no faro de Fisterra con máis de cento cincuenta artistas. Foi emitido por TVE e outro medio cento de televisions de todo o mundo coordinadas pola británica BBC.

 
 
Diseño: Citania Multimedia>